Sunday 19 de May de 2024

A Xunta destaca a mellora do saneamento das augas galegas como un “gran de area” na loita mundial contra o cambio climático


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recorda que o compromiso do Goberno é que a planificación do saneamento das rías conclúa no horizonte de 2020

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, puxo en valor o traballo da Xunta de Galicia a prol da mellora do saneamento das augas galegas como un “gran de area” da comunidade galega na loita mundial contra o cambio climático. Así o destacou a conselleira, quen recordou o compromiso do Goberno galego de que toda a planificación do saneamento das rías estea concluída e a maior parte das infraestruturas estarán executadas ou en servizo no horizonte 2020.

Mato participou hoxe na clausura do IV Congreso de Sustentabilidade, Social e Económica do Sector Pesqueiro, onde engadiu que este impulso ao saneamento das rías galegas coincidirá co remate da execución do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2015-2020 e que será un chanzo importante no reto da Xunta por conseguir o saneamento integral das rías, onde está a facer o maior esforzo da historia da autonomía neste eido, con máis de 1.000 millóns de euros investidos dende o ano 2009.

Recordou que os recursos públicos permitiron executar ata o momento 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos e dotar ás grandes cidades galegas dos máis avanzados servizos de depuración. Tamén se construíron 45 depuradoras que dan servizo a máis de 1,7 millóns de galegos e mellorouse en 7 puntos a calidade das masas de auga da nosa Comunidade.

Tal e como explicou a conselleira, esta política en materia de saneamento permitiu recuperar as áreas de marisqueo ou que “cando se abre unha billa, contar cunha auga cada vez de máis calidade e con máis parámetros de control”.

Trasladou que a sobreexplotación dos recursos naturais é contraria ao principio de sustentabilidade, polo que é “absolutamente imprescindible” redobrar os esforzos por conservar e protexer as masas de auga fronte ás ameazas medio ambientais e o cambio climático.

Beatriz Mato defendeu que na actualidade a loita contra o cambio climático está a experimentar un impulso irreversible -tal e como se puxo de manifesto na Conferencia de Marrakech- e que debe prestarse unha atención especial aos océanos e aos mares, por razóns tan evidentes como o feito de que os océanos e mares producen a metade do osíxeno que respiramos os seres humanos e que absorben un 30% do C02 emitido pola actividade humana; que máis de tres mil millóns de persoas en todo o mundo dependen da diversidade biolóxica mariña e costeira para o seu medio de vida; e que deles depende un 5% do PIB mundial.

Aclarou que a Xunta está comprometida nesta loita e só en materia de cambio climático investiu 150 millóns de euros nos últimos catro anos, facendo un esforzo importante na sensibilización e adaptación, así como na mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro. Nese sentido, apostou por unha acción global e mostrouse convencida de que terá resultados que beneficiarán de forma moi importante ao sector da pesca e á xente do mar, no presente e no futuro.